se abres unha mazá
se lle partes o corazón
cun corte crocante
dos que desprenden olor
un cheiro rubio profundo por un silencio
a clorofila
se abres a mazá así entre as túas mans
de primate
esas mans que non coñezo e adoro de antemán
se cortas | a mazá | polo seu | eixo imaxinario | de mazá
o seu ecuador de mazá /a súa traxectoria dividida en dous/
no aire introvertido sobre a cabeza dun newton que toquea
dun fillo de guillermo tell cunha espiñada
se abres a mazá de turing
a mazá madrasta
a mazá mordida cun xersei de arco iris
se abres as mazás máis mazás de todas as mazás
e todas as mazás do mundo
ácidas e nucleicas
as camoesas que xamais probei
as de paris volto hespéride
ese mozo louco con roupa de muller
mazá travestida
con marcas de dentes e unha drupa fértil
até a voracidade
se o fas
se o fas
mete a lingua na estrela de cinco puntas que rodea o poema
★
la pomme
la pomme fatale
★
pebideiro de estrela
semente de cianuro
ácido azul a eslavar enlaces celulares
mete a lingua no que non se atreven outros
mete a lingua até a dor á fin das mazás en flor
estrela coa tua lingua na semente do abismo
é dicir
rompe a falar
rompe a falar dioivo vivo o que unha vez foi escuro
no centro explosivo dunha froita fetal feita na luz
a túa lingua
cara ao sobrenatural
de curiosidade, 2015